Monday 06 de May de 2024

Turismo de Galicia instala na Catedral de Santiago un Belén artesanal de 50 m2 e máis de 550 pezas talladas á man


O Belén, que pode visitarse dende hoxe ata o 7 de xaneiro, será inaugurado pola directora de Turismo de Galicia, o alcalde de Santiago de Compostela e o Deán da Catedral de Santiago, o próximo martes 9 de decembro ás 18 horas

Desde o venres, 5 de decembro, ata o vindeiro 7 de xaneiro, a Catedral de Santiago acolle un Belén tradicional de 55 metros cadrados e máis de 550 pezas promovido por Turismo de Galicia.

Segundo anunciou a directora de Turismo de Galicia esta tarde, o acto inaugural será o próximo martes 9 de decembro ás 18:00 horas. Nel Nava Castro estará acompañada polo alcalde de Santiago de Compostela e o Deán da Catedral de Santiago.

Nava Castro destacou que todas as pezas que compoñen o Belén da Catedral, dunha dimensión de 20 centímetros, están decoradas, realizadas e talladas a man de forma artesanal por imaxineiros destacados do mundo da Belén. A escenografía componse, principalmente, de materiais naturais como madeira, vexetación e cortiza de sobreira.

Xunto ás escenas máis tradicionais como o nacemento, a chegada dos Reis Magos ou a anunciación dos pastores, o Belén mostra diversos acontecementos da vida cotiá.

A directora de Turismo de Galicia destacou que o Belén impresionará a todos os visitantes polo seu traballo artesanal de gran detalle e as súas coidadas estruturas, así como polo seu gran tamaño, atraendo a miles de turistas de todos os puntos do país a nosa Comunidade durante esta festividade.

O Belén da Catedral amplía en enriquece a gran tradición belenística que atesoura Galicia na que destacan tamén o Belén electrónico de Begonte, en Lugo, e o Belén artesanal en movemento de Valga, en Pontevedra, declarados Festas de Interese Turística de Galicia.

Inauguración da exposición ‘‘Francisco. Estrela e Camiño” en Santiago
Así, o anunciou Nava Castro no acto de inauguración da mostra ‘‘Francisco. Estrela e Camiño” promovida por Turismo de Galicia no marco do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

A exposición, que poderá visitarse ata o día 11 de xaneiro, forma parte dun ciclo de exposicións de beléns temporais que está a percorrer lugares seleccionados do Camiño que realizou o santo de Asís. Deste xeito, a exposición pode verse tamén este mes na Catedral e no Liceo de Ourense, onde foi inaugurada o 10 e 27 de novembro respectivamente. Así mesmo, ao igual que os peregrinos realizan o Camiño de Santiago en varias etapas, este proxecto visitou xa tamén Sarria e Portomarín.

A exposición, que une nun só programa as sensibilidades xacobea e franciscana, conta con pezas de distintas épocas, pertencentes a coleccionistas privados, alusivas ao Misterio de Belén e a peregrinación a Compostela, como María e Xosé camiño de Belén, os Reis Magos como os primeiros peregrinos, a huída a Exipto, entre outras.

Trátase dunha conmemoración e recoñecemento a San Francisco de Asís, polo seu impulso e propagación universal desta devoción popular.